Querida Tita:
O outro día limos no xornal que nomeáronche
Viguesa Distinguida e non podemos por menos que enviarche esta pequena carta
chea de lembranzas e de agradecemento.
Na
nosa Escola todo era diferente, comezando polo nome. Os demais ían ao Colexio,
nós iamos á Escola. As aulas dos outros eran A, B, C e os alumnos tiñan número.
Nós estudiabamos en Irmandiños, Mariñeiros, Xeración Nós, Martín Códax, ..., e
xamais tivemos número, nin nos chamaron polo apelido.
O día de festa era o 17 de maio cando cáseque
ninguén o celebraba en Galicia. Tiñamos que facer un traballo do autor ao que
estaba adicado e do que non había información por ningures. Ese día, Faro de
Vigo, sorprendíanos cun especial e sempre pensabamos o mesmo: “Se saise onte...”
Nos outros centros facían excursións, nós faciamos
saídas. As excursións son para ir cos
pais. E aínda podemos escoitarte dicindo: Facede grupo, facede grupo.
As
lembranzas son moitas e, entre elas, a inesquecible explicación das borrascas,
o debuxo das curvas de nivel das illas Cíes feito desde Monteferro, o cesto co
material da aula, os cantos rodados, a Terra Chá, a estrela con luces, o Macizo
Galaico e a Igrexa Románica de Bembrive coas súas arquivoltas.
Tamén o teu asubío colgado do pescozo, os teus bravo,
bravo coas mans xuntas e os berros de ledicia que deches cando unha alumna
che respondeu depende á pregunta de ¿é mellor o latifundio ou o
minifundio?
O inesquecible arquivo que tiñas no soto do
colexio vello no que gardabas as novas de interese coas que ilustrabas as túas
clases. A película dos castores e a do trigo do Canadá. E tamén O Acorazado
Potemkin que anos despois soubemos que era unha película de culto.
E como non lembrar aos avós, que eran un pouco os
avós de todos: gardábannos na neveira as follas de moreira para alimentar os
vermes de seda que coidabamos nas aulas. E por último, nomear aos outros
membros da familia Cal: Armando, Margarita e Ita.
O Rosalía de Castro era diferente.
Moitas gracias aos nosos pais por educarnos e a ti
e a túa Escola por formarnos.
Yolanda, Miguel e María
(1967, 1969, 1973)
No hay comentarios:
Publicar un comentario